miércoles, 25 de julio de 2012

Ulos?


Meu avó quería ter un rapás pra ir instruíndoo na vida nas cousas simples coma trosegar o viño ou ir de putas.

Era un día de marzo e na casa había un feixe de xente, meu avó salvouse porque desta volta á miña tía Inés faltáballe inda un mes para parir ela, xa que tivera que facer de comadrón da outra ves, un fallo de cálculo, así que meu avó puido dedicarse todo o día a chiclear ó grande.

-¡Xa naceu e é un rapás!-dixo a miña tía.
-¿é un rapás? ¡un rapas!-meu avó pegaba pinchos pola sala agarrado a Manuel do Piriquillo, un grande amigo del -¡é un rapás Manuel!
-Mira que feo é o condenado- dicía tía Inés arregañando os dentes.
-É feo mirmo, cagho en dios- sentenciou Manuel- pero ten uns collóns coma un burro.
-¡Sae o pai!, ten de ser, vamos Manuel que isto teño que celebralo.

Marcharon os dous pra a tenda da feira e invitaron a chiquitas de viño toda a tarde, meu avó non paraba de repetir que tivera un fillo que era feo coma a cona que o votou, pero que tiña uns collóns coma un burro e así ata a noite.

Xa todo o mundo sabía na parroquia que Santiago da Encurcillada tivera o rapás mais feo do puto mundo, pero que considerando o tamaño dos seus collóns iso era o de menos, pois con esas dimensións estaba destinado a triunfar por todo o alto.

-¡Sae o pai me cagho en dios!- repetía Manuel entusiasmado.
-¡Outra!- gritaba meu avó agarrado a barra polos dentes.
-Noraboa Santiagho, unha colloada coma esa non se mira todo-los días- lostregaba Manuel coma se estivera a falar dun boi nunha feira.
-Non teñas medo, non hai en toda a comarca cousa inghual.

Xuntáronse na tenda unha enchenta de xente que bebía ata polas orellas.
A señora María non daba a basto, pois había mais fulanos alí que nunha romaría.

-¡Polos collóns do burro!- cacarexaba meu avó.
-¡E polos do pai!- ruxían todos coma tolos.

Cando saíron pola porta da tenda, os que atinaron con ela á primeira, foron tropezando en manada ata que cada un tirou pro seu eido ou pro galiñeiro mais cércano.

Meu avó agarrado a Manuel e viceversa.

O chegar a casa, miña avoa chamou polo meu avó cun fío de voz bastante sospeitoso.

-Santiagho, Oia, mira ben pro teu fillo a ver que lle atopas.
-Que lle vou topar, que é un autentico macho.
-Mírao ben.

Pero meu avó ía cego e non lle miraba nada en absoluto.

-Vos non dicíades que era un home, que tiña uns collóns que era un fenómeno, mírallos ben, porque é unha raparigha.
-¡Cómo que é unha raparigha!- a meu avó baixoulle todo de golpe.
-Funo cambiar e mireino ben e ou naceu coa conicha inchada ou caíronlle.
-¡Ti seica me jodes!- meu avó zampouse sobre a criatura hermafrodita que mais tarde sería a nosa nai e efectivamente comprobou que era fea coma o demo, pero que inda poriba tiña cero collóns.


Conta miña avoa, que meu avó andivo varios días co sentido virado a falar so e buscando os lexendarios collóns do seu fillo coma se fose o santo grial.

4 comentarios: