sábado, 18 de mayo de 2013
O día que pariu miña avoa
Ese día o noso avó viña de moer no muíño de Viláns.
Hai que dicir que de aquí a Viláns haiche uns poucos de kilómetros e varias tascas.
Era xa de noite, en xaneiro, e el viña co saco de fariña ó lombo.
Cando chegou ó eido atopouse coa miña avoa que rillaba o aire agarrada á barriga.
-Anda Santiagho, anda que Inés está pra parir e eu non podo coa alma.
Inés era a irmán da miña avoa, as dúas quedaran preñadas a un tempo, foi un caso de sincronización bastante curioso.
Meu avó votou o saco de fariña no chan e cuspiu.
-¡Non me jodas! que eu contaba contigho e a que está pra parir é a túa irmán.
-¡Vai alá home!-retorcíase a miña avoa.
Efectivamente, Inés estaba maldicindo agarrada a un baúl, meu avó colleuna e levouna para unha cama, pesaba coma unha potra, dicíame el un día, que xa tivera collido touras mais liviáns.
Remangouse varias veces ata os ombros, coma se tivera vinte brazos, foise a cociña e puxo unha cazola de auga ó lume, notábase nervioso e tirou para a bodega, alí mandoulle varios tragos de viño directamente do funil e foise calmando un pouco.
-¡¿Onde está Santiagho?!-bramaba Inés.¡Me cagho en todo-los santos!
-¡Santiaghoooo!-Chamaba a miña avoa arrepentida de non terlle escondido a chave da bodega.
Cando chegou Santiago lucía uns preciosos bigotes de viño que lle quedaban moi ben e unha boina que lle tapaba medio ollo, e así foi coma se puxo a esperar que nacera a criatura da Inés, coma se fose un porteiro de terceira rexional a parar un penalti.
Mentres a auga na cociña fervía ata que case non quedou gota.
-Aquilo era coma a boca do inferno- contábame a min un día meu avó.
Así que lle empezou a saír a cabeza, tocoulle a miña avoa dar guerra, nun momento dado meu avó ía dun lado o outro e xa non sabía a quen atender, confesoume que no medio deste caos fíxolle outra visita á bodega.
“Eu mirábame parvo- dicía el- as velas apaghábanse e eu xa non sabía nin por onde ía, a túa abuela por un lado e a túa tía polo outro, eu xa as confundía as dúas e xa non che sabería dicir se a túa abuela pariu un rapás ou unha raparigha, eu repartinlle os rapaces como cadrou.
Collín aquelas criaturas, que por certo pesaban bastante menos cas potras das nais, e lávenas como puiden, envolvinas nun farrapo e dinlle un destino.”
Despois tivo que ir facerlle o caldo as recen paridas, iso xa foi outra aventura.
Marchouse o galiñeiro coa machada na man, a metade das galiñas saíron voando a rente do fío, no medio dunha chuvia de plumas apañou algo polo aire, que tanto podía ser unha galiña vella coma un gato sarnoso,coitado, e despois de xurarlle que nunca mais deixaría preñada a muller algunha liquidou o becho limpamente.
Desplumou aquilo como puido, fixo o caldo de calquera maneira e votou dúas tazas.
Cando a miña avoa e a miña tía miraron aquel caldo cheo de plumas vomitaron as dúas a un tempo, ata niso andaban a pre.
Entre unhas cousas e outras aquela casa parecía que fora asaltada por unha horda de bárbaros postos de farlopa.
-Despois de facer de comadrona inda tiven que freghalo eu todo,¿que che parece miña migha? e nunca me aghradeceron nada esas lobas, fun un esclavo toda a vida -queixábase o meu avó- eran unhas nifrosas, o caldo tiven que papalo eu.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
http://www.youtube.com/watch?v=yg8pCMfP1AI !
ResponderEliminarimaxino isto como banda sonora do evento
ResponderEliminarPero q mira a vella ?¿¿¿¿¿ q pino a ela mais a sua neta
ResponderEliminarmiran que te pinan elas a ti :)
ResponderEliminar